NADAL LÚDICO 2023/24: CINE SEN LÍMITES
Hoxe en día, o cine representa unha forma moi importante de transmisión da cultura universal. Aínda que a sétima arte comezou sendo a técnica e a arte de crear e proxectar imaxes; pódese afirmar que actualmente, na nosa sociedade, o cine converteuse nun medio de comunicación de masas; nunha poderosa ferramenta cultural que permite coñecer algúns elementos da condición humana a través da imaxe e do son enriquecido con todas a belas artes para tratar de impactar ao intelecto e a emoción. (Astudillo e Mendinueta, 2007) O cine é per se unha canle de transmisión de valores e aínda, que pensemos en si mesmo como simple forma de entretemento, está educando nunha serie de estereotipos existentes na sociedade. Dende esta perspectiva, é unha fonte de recurso didáctico excepcional, dende unha dobre vertente. Por un lado pode ser utilizado como forma de activar o pensamento crítico a través dos valores que se non está transmitindo e por outro lado pode ser utilizado para realizar pequenas produccións onde cada participante conte a historia que desexe compartir.
Así, durante este Nadal Lúdico recurriremos aos diferentes xéneros que nos ofrece o universo cineasta (cine mudo, de comedia, de terror, de aventura, etc. ) coa intencionalidade de transformalos no recurso pedagóxico central da programación. A través dunha metodoloxía lúdica e activa traballarase a través de distintas propostas (onde o xogo será a ferramenta fundamental) para que a través dos diferentes xéneros se consiga o obxectivo principal de favorecer o desenvolvemento de competencias tranversais como son a comunicación, a colaboración, o pensamento crítico, a creatividade e a imaxinación. Estes dous últimos aspectos entendidos como capacidades imprescindibles para o desenvolvemento integral da infancia. Tal e como decía Einstein “a lóxica pódenos levar dende o punto a ata o punto b e sen embargo, a creatividade é capaz de levarnos a calquera parte”. Polo que a premisa fundamental será non poñer límites a capacidade de imaxinar e crear.