PRIMAVERA LÚDICA 2024: AVENTURAS ZUMBANTES!!
Comeza o lúdico de primavera e con el damos a benvida a unha das estacións do ano máis especiais, caracterizada polo despertar da natureza tras o letargo invernal. A floración das plantas que se produce nesta época do ano, é un dos factores que nos indica o comezo deste despertar; que ademais doutros beneficios, son dun valor incalculable como fonte de alimento dun pequeno animal, que será o eixe central da programación deste lúdico: a abella.
Estes pequenos seres alados que zumban polos nosos xardíns e campos son moito máis que simples insectos. Poderíamoslles chamar as raíñas do mundo, xa que durante séculos beneficiaron ás persoas, ás plantas e ao planeta.
As abellas contribúen á biodiversidade da que todas dependemos para sobrevivir, ao asegurar que diferentes tipos de plantas se reproduzan. Isto, á súa vez, mantén o equilibrio no noso medio ambiente. Son excelentes polinizadoras. Cando se posan nas flores para recoller néctar, tamén transportan grans de pólen dunha flor á seguinte. Isto permite que as plantas se reproduzan e produzan froitos e sementes; co cal son grandes protectoras da seguridade alimentaria. O 70% dos cultivos alimentarios do mundo dependen da polinización (dende mazás, cabaciño, allo, kiwi…) Ademais da polinización, as abellas tamén nos proporcionan produtos como mel, cera, propóleo, xelea real… os cales teñen usos medicinais e culinarios.
Ademais de traballar a importancia que teñen as abellas como gardiáns do noso ecosistema con dinámicas de presentación, con pequenos xogos de preguntas e a realización dunha xincana; utilizaremos as súas características para reflexionar sobre outros moitos aspectos. Así, a través de coñecer que hai máis de 20.000 especies de abellas con características moi diferentes (unhas son sociais, outras solitarias, unhas producen mel, outras non…) realizarase algunha dinámica sobre a diversidade e a importancia da mesma na sociedade. Co cal, faremos fincapé en que cada unha das persoas temos cualidades diferentes, e todas son de importancia para a comunidade.
Tomando como exemplo o traballo en equipo que as abellas sociais exercen, realizaranse algún xogo cooperativo, como por exemplo “A vida na colmena”; na que entre todos e todas as participantes realizarán diferentes probas nas que para superalas terán que ter como premisa fundamental a colaboración.
Por outra banda, hai que recordar que dende fai anos, numerosos estudios e organizacións están alertando de que que as abellas están desaparecendo. Greenpeace, destaca entre as causas que ocasionan esta problemática: “a perda e o deterioro de hábitats, as prácticas da agricultura industrializada e os usos de praguicidas; diferentes parásitos e enfermidades, especies invasoras e os impactos do cambio climático”. Pódese decir que a saúde das abellas reflecte o estado do medio ambiente. Se as abellas están en perigo, tamén o estamos as persoas. Para cavilar sobre estas cuestións, propoñerase aos e ás participantes, que realicen unha campaña publicitaria a través de pequenos cartaces baixo o lema “Salvemos aos polinizadores”. Neste eido, reflexionarase ademais de que forma como seres individuais podemos axudar a esta especie.
Coma sempre, haberá diferentes tipos de xogos (contacontos, ioga infantil, xogos predeportivos, xogos de comunicación, etc) tematizados para seguir coñecendo con diferentes dinámicas divertidas a vida destes animais.
Finalmente, se as condicións atmosféricas o permiten; realizarase unha pequena ruta próxima aos centros para poder contemplar o despertar primaveral e desfrutar dos beneficios que nos aporta por se a propia natureza.