Xuño Lúdico 2023

COMEZA UNHA NOVA AVENTURA

No solsticio de verán, o hemisferio norte do planeta recibe máis luz solar que calquera outro día do ano, facendo que sexa o día máis longo do ano. Por este motivo, este día foi recoñecido e celebrado por moitas e diferentes culturas ao longo do mundo: inca, maia, xermánica, celta…

Mostra disto son os restos arqueolóxicos atopados en Guatemala onde a poboación se reunía para render culto ao Sol desde edificios deseñados segundo os astros. Tamén o famoso monumento Stonehenge que parece estar asociado tanto ao solsticio de verán coma o de inverno desde fai máis de 5000 anos.

O que si é claro é a relación que sempre tivo este momento coa fertilidade e a alegría, festexado con festas e rituais dos cales aínda temos mostras hoxe en día como é a celebración do San Xoán en territorios do estado Español, as festas do solsticio da tradición e folclore suecos, celebracións relacionadas con lendas de fantasía nos territorios do Reino Unido e Irlanda…

Por este motivo, para este Xuño Lúdico, preténdese coller esta celebración para crear un momento de introspección e celebración nos nenos e nenas participantes. Este Lúdico significa o comezo do verán, pechar un curso para prepararnos para o comezo de novos retos na vida. Deixar atrás o estrés dos horarios, as preocupacións polos deberes, as notas, os conflitos do día a día do centro e abrirse a novas experiencias e emocións. Preténdese facer un punto e aparte, no noso ritmo diario para volver a gozar das persoas que nos rodean, observar os cambios do noso contorno e fortalecer o noso corpo e mente para poder enfrontarnos ás novas experiencias que o curso 23/24 nos depararán.

Levarase a cabo esta experiencia a través de diferentes expresións:

  • Tradicións: Descubrindo as tradicións propias e foráneas nestas datas buscando o seu significado cultural.
  • Natureza: Observando os cambios da natureza que rompe con forza despois dos meses fríos e aprendendo dela.
  • Música e danza: Forma de expresión do noso estado anímico que acompaña os nosos movementos e fai que nos sintamos parte dun todo.