XUÑO LÚDICO 2024: XOGANDO ENTRE IGUAIS
Ao longo da historia, grazas a entre outros factores, ao activismo do movemento feminista, foronse vendo grandes avances no tempo en materia de igualdade; pero como o propio movemento reivindica diariamente, aínda queda moito traballo que facer, en todas as esferas da vida cotidiá.
A existencia dunha estrutura social que privilexia aos homes sobre as mulleres, a través dun sistema de valores culturais e de roles asociados ao xénero provoca que en todos os ámbitos se produzan desigualdades. Por exemplo, os investigadores David Moscoso e María Martín no seu informe “Desigualdades das deportistas de alta competición en España e medidas para a igualdade efectiva” (2023), afirman que segundo as entrevistadas para a realización do estudo; o deporte non é alleo a esta estrutura social, senón que é reflexo da mesma. Ademais durante o informe destácase entre outras desigualdades a precarización e desregularización do mercado profesional; indica que a cobertura mediática é insuficiente e o patrocinio limitado, e amosa a interseccionalidade xa que advirte que a diversidade sexual, a discapacidade o o racismo tamén inflúe na igualdade do Deporte. Todos estes aspectos tamén se ven reflexados no estudo Igualdade de Xénero no Deporte Galego que acaba de publicar en marzo deste ano O Clúster Galego da Industria do Deporte e do Benestar e que se recolle nun artigo publicado no diario Nós ( 11 de marzo) no que ademais se fai fincapé en que as mulleres teñen menor acceso ao poder e a postos de toma de decisións. Esta afirmación apóiase en datos como que en Galicia, só o 5% das presidencias das federacións deportivas están representadas por mulleres.
Debido a que a práctica do deporte está demostrado que aporta numerosos beneficios para a saúde tanto física como mental en todos os grupos de idade, pero especialmente na infancia xa que vai axudar a crear hábitos futuros saudables; no xuño lúdico uniranse estas dúas temáticas (deporte e igualdade) para traballar aspectos fundamentais sobre os beneficios que aportan o deporte e sobre a necesidade de poñer as gafas violetas en todos os aspectos da vida cotidá. A que xogan nenos e nenas no recreo? Cales son os deportes que máis practicamos na nosa contorna? O deseño dos patios dos centros educativos promoven as relacións igualitarias? Intentaremos reflexionar, debater sobre estas cuestións e todas as que vaian xurdindo entorno a esta temática.
Por outra banda, de sobra é coñecida a importancia de ter referentes para abrir novos abanos de posibilidades. Para isto, indagarase sobre diferentes mulleres deportistas actuais coñecidas non só pola súa carreira amplamente demostrada polos premios acadados; senón tamén polo seu activismo social en diferentes ámbitos. Así, por exemplo, a través de Onna Carbonell realizaranse actividades nas que esté presente o traballo en equipo tan necesario na natación sincronizada; pero tamén traballaranse aspectos relacionados sobre a importancia do coidado do medio ambiente, facendo alusión á conexión que ten Carbonell con proxectos de coidado e preservación do medio mariño. Realizarase así unha xincana baseada nesta temática.
Grazas a figura de Paula Badosa non só se realizarán diferentes obradoiros relacionados co tenis, como por exemplo a realización dunha raqueta con material de refugallo; senón que xa que é unha muller que visibilizou a saúde mental realizaranse unha práctica de ioga infantil que tratará de dar pequenas ferramentas aos nenos e nenas para relaxarse e concentrarse.
Co exemplo de Susana Rodríguez, esta galega médica e atleta que conseguiu entre outros moitos galardóns a medalla de ouro nos xogos paralímpicos do 2020, realizarase un xogo de probas na que non poderán contar con todos os seus sentidos.
Coñecerán máis referentes e realizaranse contos motores, bailes, xogos predeportivos e un longo etcétera co fin de aprender pero sobre todo divertirse.