Nesta quincena recibimos a visita de Terri e Cola, os dous extraterrestres microscópicos habitantes do planeta Lupania. Con eles estamos tentando analizar como nos relacionamos as persoas e cales son os nosos costumes.
Pero para comprender mellor o noso comportamento, primeiro temos que coñecernos mellor, por iso elaboramos e colamos as imaxes con momentos ou cousas importantes para nós, que puidemos compartir co resto do grupo, como o noso xogo ou xoguete favorito, o lugar ao que máis nos gusta ir, os nosos mellores amigos e amigas, mesmo algunha que outra trasnada que fixemos ou que nos fixeron.
Malia que o noso álbum de lembranzas ten moitas follas, nós somos algo máis que fotografías que ilustran o que facemos. Somos, sobre todo, o que sentimos. A través dos nosos actos, do noso comportamento, da xestión que fagamos das nosas emocións e da nosa habilidade para resolver conflitos e outras situacións, definímonos para nós mesmas e para a sociedade. Mediante o xogo do trivial das emocións puidemos reflexionar sobre a nosa capacidade para identificar as emocións, xestionalas e resolver problemas cotiás, para así poder mellorar algún que outro aspecto da nosa conduta e con isto favorecer a convivencia co resto das persoas que nos acompañan.
Comentarios recentes