Ao longo desta semana os cativos e cativas de Ventín estivemos viaxando na nosa peculiar nave dos desexos. Con esta dinámica tentamos fomentar a reflexión sobre aquilo que desexamos para ser felices. Inda que parece unha tarefa sinxela, moitas de nós deixámonos tentar por obxectos materiais, pero temos que aprender a distinguir que cousas ou experiencias contribúen realmente ao noso benestar. Moitos dos nosos desexos semellan inalcanzábeis porque pensamos que non só dependen de nós, senón doutras persoas. Os consellos do resto de compañeiros e compañeiras permitíronnos descifrar qué podemos facer para acadar algunha destas metas, como ter un can ou ir de viaxe a Dubai. Deste xeito, aprendemos que son moitos os desexos que con esforzo e enxeño se poden converter en realidade, e que os desexos tamén se poden adaptar ás nosas circunstancias, por exemplo: se queremos ter un can e os nosos papás nos din que non temos sitio na casa, podemos coidar o can dalgún familiar ou facernos voluntarias nunha protectora de animais. 

Entre viaxe e viaxe intergaláctica, nós non perdemos a ollada no noso planeta, por iso tamén tivemos tempo de xogar a este peculiar “Quid game” sobre animais e os seus ecosistemas… A que non sabedes cantas pálpebras ten un camelo?