O programa de conciliación Primavera Lúdica volve neste 2022 para axudar ás familias amesás a compatibilizar vida laboral e familiar. Para sumarse ao servizo, cómpre que as nais, pais ou responsables legais acrediten a necesidade de conciliar, e que teñan nenos ou nenas escolarizadas no segundo ciclo de Educación Infantil ou en Educación Primaria. Neste senso, os centros educativos nos que se desenvolverá a Primavera Lúdica serán o CEIP da Maía, en Bertamiráns, e no Milladoiro, a EEI do Milladoiro e o CEP Ventín.

O programa Primavera Lúdica oferta os servizos de conciliación habituais no concello, como o Bos Días ou os comedores, co fin de adaptarse ás necesidades de cada familia. Deste xeito, os horarios de entrada dos nenos e nenas poden comezar ás 7:30 ou ás 9:00 horas, cun almorzo opcional para os máis madrugadores, mentres que as horas de recollida serán as 14:30 ou as 16:00 horas.

Neste novo lúdico preténdese contribuír á adquisición de actitudes e valores críticos nos nenos e nenas para o seu desenvolvemento xusto e solidario desde unha perspectiva coeducativa, así como o desenvolvemento de actitudes en torno á identidade persoal, a socialización e a convivencia con criterios democráticos nos que se inclúa a igualdade.

A través do conto “Iriña Bailarina” de Cristina Justo e Paloma Rodríguez no que unha bailarina dunha caixa de música quere descubrir o mundo; invitaremos á rapazada a reflexionar sobre os estereotipos que impón a sociedade pola nosa condición de xénero e a identificar de forma crítica as canles polas que exerce a súa influencia: os contos tradicionais, as series e debuxos animados, a publicidade…

A función fundamental da publicidade é estimular o desexo e a necesidade de consumir. Ao mesmo tempo, a publicidade transmite valores, actitudes e estereotipos enraizados na ideoloxía da sociedade na que nacemos. A poboación infantil e xuvenil é un dos sectores sociais máis sometidos aos impactos publicitarios, na consideración de conseguir un triplo obxectivo: influenciar directamente ao seu público obxectivo, producir un efecto indirecto na familia e ir configurando o mercado do futuro.

Para poñer en práctica estes valores, elaborarase un “Conto infinito” no que, empregando un simple folio, pintaremos un conto no que, facendo pregues ao mesmo, poderemos contar a historia de diferentes formas con diferentes interpretacións.

A influencia da publicidade na infancia é enorme como configuradora de gustos, valores, preferencias… e pode chegar a considerarse como un elemento perigoso cando se emprega con fins consumistas e demagóxicos.

Por este motivo, analizarase a publicidade que trata de vender xoguetes a nenos e nenas: a música, a escenografía, o ritmo… rematará esta dinámica coa elaboración de xoguetes con material de refugallo que non estean marcados polo carácter de xénero.

Rematarase o programa cunha dinámica de improvisación “Un conto ao revés” na que se collerán contos tradicionais: a ratiña presumida, o patiño feo, a carapuchiña, a cincenta… e inventarán unha historia diferente desde unha perspectiva coeducativa..