A máquina do tempo da Escola de verán non para de funcionar e nesta última quenda levará de viaxe aos nenos e nenas de Ames a un lugar inesperado… ao futuro!! Así os monitores e monitoras invitarannos a converterse en astro exploradores e que descubran o novo mundo.

O obxectivo principal durante esta quincena será que os e as participantes non lle poñan fronteiras ao seu espíritu imaxinativo e creativo e que sexan eles mesmos os que describan como será ese futuro.

Que pensarán en cada centro? O futuro será emocionante ou pola contra moi hostil? Pode que os desertos se apoderaran de máis da metade do planeta e haxa escaseza de auga… Se é así, os nenos e nenas terán que enfrentarse a un gran reto: impedir o fin do mundo. Pero pola contra podan que se atopen con que haxa un planeta totalmente renovado, onde todos os seres vivos convivan en harmonía. Desta vez serán os propios nenos e nenas os verdadeiros encargados de explorar o porvir e tratarán de imaxinarse aventuras onde os límites do tempo e o espazo desaparezan.

Tratarán de dar resposta a múltiples cuestións como por exemplo: Que futuro se imaxinan?? En que idioma falaremos dentro de 50 anos? Que comeremos? Onde viviremos? Seguiremos vivindo no planeta terra ou estaremos vivindo noutros planetas ou territorios inexplorados? Viviremos nos mesmo edificios que agora? En que transporte nos mobilizaremos?

Algunhas das actividades destacadas que se levarán a cabo serán:

Imaxina o teu entorno: farán un mural sobre algunha das zonas do contorno próximo que máis lles gusta e debuxarán como será dentro de 50 anos.

Cápsula do tempo: Os nenos e nenas deixarán constancia de como viven na actualidade para os habitantes do futuro, a través de escritos, cartas e pequenos obxectos que gardarán nunha caixiña e a ocultarán nun lugar secreto.

Deseñadores de roupa: con esta actividade, por pequenos grupos imaxinarán como será a roupa que se leve nun futuro.

Coma sempre, agarda unha quincena chea de música, xogos predeportivos, cooperativos e nos que estean asegurados a diversión.