Inda que esteamos a gozar duns días de choiva o noso concello leva todo o verán padecendo a seca. Para concienciar do uso e abuso do consumo de auga no noso día a día, decidimos recoller cada unha das nosas actividades cotiás neste mural e contabilizar o seu consumo usando a medida dunha botella de auga (1 litro). Quedamos moi impresionadas co reconto, xa que puidemos observar que unha ducha de cinco minutos pode gastar tanta auga como a que precisa unha persoa para beber durante 50 días; que se precisa máis do dobre de auga para lavar a louza a man que empregando o lavalouzas; ou que lavando o coche usando caldeiros se consume menos que coa mangueira. Tamén reflexionamos sobre as medidas de aforro que podemos practicar cada unha de nós en sintonía cos AugaConsellos publicados polo concello de Ames, como usar sempre a lavadora chea, non utilizar o váter como papeleira, pechar a billa mentres lavamos os dentes, etc.
Por outra banda, para comprendermos a importancia e o valor de abrir a billa e que saia auga potable, analizamos as diferentes fases do ciclo da auga urbana: de onde se extrae, como se sanea ou como se depura, proceso que reconstruimos en maquetas simplificadas que elaboramos con material de refugallo.
Comentarios recentes