PRIMAVERA LÚDICA 2025: ARTE TRANSFORMADORA

“Que cres que é un artista? (…) É ao mesmo tempo un ser político, constantemente consciente dos feitos desgarradores, atroces ou felices, antes os que reacciona de todas as formas. (…) Non, non se fai pintura para decorar. É un instrumento de guerra, de ataque e defensa frente ao inimigo. O inimigo, como declarei en diversas ocasións, é o home que explota aos seus semellantes movido polo interese egoísta e o lucro”
A orixe da arte é inherente á propia humanidade e é un medio de expresión das nosas ideas, pensamentos e sentimentos. A través de diversas disciplinas artísticas como a pintura, a escultura, a música, o teatro, a danza, a literatura ou o cine; as creadoras e os creadores poden transmitir emocións, cuestionar normas e enriquecer a nosa comprensión do mundo.
No contexto educativo, a arte destaca pola súa capacidade de incidir directamente no desenvolvemento cognitivo, creativo e emocional das persoas, especialmente nas primeiras etapas da vida. Participar en actividades artísticas potencia a imaxinación, fomenta a autoexpresión, mellora as competencias na resolución de problemas, estimula o pensamento crítico, e promove unha maior apreciación estética e cultural.
A arte, ademais, posúe un poder transformador tanto para quen a crea como para quen a experimenta como espectador ou espectadora. Este poder vai máis aló da individualidade, permitindo unha reflexión profunda sobre a sociedade e as súas estruturas.
Nesta Primavera Lúdica, que coincide co Día Mundial da Arte (15 de abril), dedicaremos as actividades a esta canle de comunicación universal que transcende fronteiras lingüísticas e culturais. O enfoque principal será o artivismo, un concepto que fusiona a arte co activismo, promovendo a utilización da creatividade como ferramenta para a transformación social.
Neste contexto, a participación das nenas e dos nenos como axentes de cambio e como persoas críticas na comunidade, xoga un papel fundamental. O pensamento de que os nenos e nenas son o futuro, debe cambiar, xa que as nenas e nenos son a actual cidadanía e como membros dunha comunidade deben ser participantes activos na mesma. Por iso, as actividades desta Primavera Lúdica buscarán empoderar as novas xeracións, destacando como a arte pode inspirar reflexións profundas e cambios reais. Durante estes días, coñecerán exemplos reais que amosan como a expresión artística pode transcender as limitacións persoais e converterse nunha forza para o cambio social, xerando pensamento crítico e cuestionando as inxustizas que nos rodean; como son os casos de artistas como Judith Scott ou Banksy.
Proponse así, que esta primavera lúdica ofreza un espazo onde os nenos e nenas traballen en equipo e se fomente a participación. Un espazo onde se xere diálogo e onde se reflexione sobre as cuestións que os nenos e nenas consideren inxustas. Incentivaráselles a que non sexan seres pasivos e a que manifesten a súa opinión a través de creacións artísticas.
Algunhas das actividades que se lles proporán á rapazada, serán por exemplo “o muro das identidades” para que reflexionen sobre sí mesmas. En “explorando a arte rebelde” animaráselles a que participen nunha pequena xincana na que exploren aspectos sobre o artivismo e coñezan diferentes artistas. Farán unha pequena saída (se o tempo o permite) pola contorna para visualizar obras artísticas pertencentes a Oa Doa ou Fitz Licuado (artistas relacionadas co ecofeminismo) e, entre outras dinámicas, animarase a que os nenos e nenas de primaria realicen a súa “obra protesta”.