Non é ningún segredo que a educación emocional debe estar presente desde a infancia tanto nas nosas casas coma nas escolas. Co propósito de fornecer a intelixencia emocional das crianzas, levamos todo este mes realizando diferentes propostas para aprender a expresar emocións e estados de ánimo, así como reflexionar sobre situacións que poden desencadear conflitos que inevitablemente nos obrigan a meditar sobre os nosos valores.

Os xogos de mesa non só contribúen a mellorar a nosa capacidade de razoamento tamén nos permiten desenvolver a empatía. Así, as persoas participantes do grupo de maiores de Ventín, botamos unha partida de Trivial, no que por equipos tivemos que atinar as preguntas de seis categorías (habilidades sociais, validación emocional, emocións básicas, reaccións fsiolóxicas, recoñecemento e xestión emocionais) para conseguir os queixiños.

Ademais elaboramos diferentes tipos de xogos facendo fincapé nesta temática, pero sen perder de vista o seu aspecto máis lúdico. Por iso, adaptamos un dos nosos xogos favoritos: o Virus, buscando solucións simples a problemas que alteran os nosos estados de ánimo, o obxectivo é recoñecer e afrontar cada emoción adecuadamente para acadar certo equilibrio emocional. Tamén creamos un Emokub que nos permite nos nosos tempos libres mellorar as nosas habilidades memorísticas, superar as nosas marcas e observar e recoñecer os progresos do resto das persoas participantes.