Neste Nadal lúdico a rapazada de Ventín  está a viaxar a través dos correos electrónicos que a incríbel aventureira Marga Polo nos está a mandar desde os diferentes lugares que visita. Con ela estamos a descubrir non só lugares, lendas e costumes, senón tamén persoas moi diferentes. Como convivir en harmonía é unha cuestión un tanto complexa, decidimos elaborar un receitario de corresponsabilidade. Creamos roscas, tortas e outras lambonadas cuxos ingredientes principais son: gramos de empatía e respecto, kilos de igualdade e unha presa de boas palabras.

Sendo moi conscientes de que todas as persoas somos diferentes e debemos esforzarnos para convivir xuntas, decidimos seguir misturando e amasando máis desta vez, para crear monstros diversos. Para isto fixemos un xogo no que cada participante escollía un número de forma aleatoria, en relación a unha categoría definida previamente nun taboleiro (forma, pel, tamaño, cor, etc.) e mesmo engadindo algunha habilidade especial (telequinesia, lanza-raios…). Deste xeito adubamos unha chea de monstros que puidemos xuntar no mural “Nas diferenzas está o gusto” e presentárllelos ao resto de compañeiros e compañeiras. Algúns monstros gustáronnos máis ca outros pero ningún se nos queimou no forno!