NADAL LÚDICO 2024/25: A MAXIA DA LENTITUDE

“O tempo é vida, e a vida reside no corazón”

Michael Ende

Na actualidade, podemos afirmar que a nosa sociedade, está caracterizada por ir a un ritmo vertixinoso. De feito, parece que a velocidade sexa un novo valor, e este parece que ás veces sexa sinónimo de máis eficiencia, progreso, incluso se pode tildar dun concepto que reflexa máis modernidade. Se nos paramos a pensar, o tempo dispoñible é o mesmo que houbo sempre, e incluso agora que a esperanza de vida aumentou con respecto a outrora, poderíamos dicir que temos máis que antigamente. O filósofo alemán Hartmut Rosa, reflexiona sobre isto, e dí que “a percepción de que a nosa vida se acelere é produto de tres fenómenos que si o fan: a aceleración tecnolóxica, a aceleración nos cambios sociais (actitudes, valores, modas, estilos de vida, relacións e obrigacións sociais) e a aceleración no ritmo de vida (número de actividades que se fan por día)” Aínda que a priori a aceleración tecnolóxica sería algo que se puidese aproveitar para conseguir “máis tempo” (por exemplo, coa mellora das comunicacións chegar antes a un lugar e poder facelo de maneira máis descansada) coa combinación dos outros dous fenómenos fai que este por si só non axude a desacelerar o noso ritmo, senón a conseguir o contrario.
Esta aceleración é unha roda que provoca que vivamos ás costas dos ritmos que a natureza marca e que nos olvidemos que a humanidade forma parte da natura. Esta “reloxización”, esta “fame de tempo” ou o que é o mesmo a sensación de que non se chega a cumprir coas obrigacións laborais, sociais, persoais… provoca o “síndrome da présa” e ven marcada tamén polo sistema capitalista e consumista no que estamos inmersos.
Podemos traballar máis, facer máis tarefas… pero a que prezo? As consecuencias están saíndo á luz… As présas xeran violencia. Como manifesta Alba Mato (mestra e formadora especialista en educación emocional e dereitos da infancia); “cando estamos constantemente baixo presión, é máis probable perder a paciencia e recurrir á violencia e debemos ser conscientes de que este tipo de comportamentos deixan unha marca profunda na infancia.” Ademais, asegura Icíar Carmen Jiménez (directora da Asociación Saca Tu Voz) o “estrés que xera a présa debilítanos e fainos enfermar”. Desgraciadamente as cifras que o noso país reflexa sobre a saúde mental corrobora estas afirmacións e deberíanos facer recapacitar. As présas ademais, producen falta de creatividade, de reflexión, de deshumanización, de mirar con desconfianza a quen descansa de forma real xa que este aspecto converteuse nun termo incomprendido. O filósoso Byung-Chul Han, fai unha reflexión no seu libro “Vida contemplativa”, onde destaca que “dado que só percibimos a vida en termos de traballo e de rendemento, interpretamos a inactividade como un déficit que debe ser remediado canto antes”.
Por todo o argumentado anterioremente, neste Nadal lúdico traballarase sobre todos estes aspectos (reflexión, descanso, ritmos vitais, colaboración, respecto, cooperación, natureza, introspección…) Para isto, convidaremos aos nenos e nenas que asistan ao programa a coñecer a historia de Momo. Unha novela escrita por Michael Ende e publicada no 1972, que servirá de referente para traballar diversos contidos realacionados coa filosofía lenta. Así a través da súa protagonista, unha nena chamada Momo, descubrirán como a través do seu super poder (a escoita activa) logrará enfrontarse aos “homes grises” para devolverlle á humanidade un dos bens máis preciados que precisa a sociedade. O tempo. Pero o tempo entendido dende unha vertente máis humana e contraria ao modelo economista no que estamos inmersos.
Durante estas semanas no Nadal Lúdico realizaranse actividades na que se reflexione sobre a importancia de respectar os ritmos naturais polo que se fará unha celebración do solsticio de inverno, na que se celebrarán dinámicas como a árbores dos desexos, meditación guiada, a danza do inverno, etc.
Con diferentes actividades, traballarase a importancia da cooperación, como por exemplo a través da dinámica Un mundo xusto? Na que que se pretende que os nenos e nenas de primaria reflexionen sobre a desigualdade e como afecta a vida das persoas nas diferentes partes do mundo.
Tamén se farán actividades relacionadas cos diferentes personaxes que aparecen na novela de Momo. Así, a través de Giggi realizarán un conto motor; de Beppo o Barrendeiro, faran xogos de imitación sobre a lentitude; con Momo farán dinámicas da importancia da escoita activa; e invitarase aos e ás participantes a que fagan unha campaña na que escriban e debuxan mensaxes sobre o os seus dereitos e os valores que consideran importantes.
Realizarase xogos predeportivos, sensoriales, etc, pero sempre tendo presente o valor fundamental que se quere transmitir neste nadal,co cal o ritmo será marcado polos verdadeiros e verdadeiras protagonistas: os nenos e as nenas.

ACTIVIDADES DESTACADAS

A FLOR DO TEMPO

UN MUNDO XUSTO?

CELEBRANDO O SOLSTICIO DE INVERNO

TEMOS MOITO QUE DICIR

O DECRECEMENTO MOLA

AGASALLO SORPRESA