Para comprender a importancia que todas as especies teñen no noso ecosistema, estivemos vendo como se relacionan entre si, os vínculos que existen entre elas e algunhas das súas funcións para manter o noso ecosistema en harmonía. Descubrimos que as vacalouras se alimentan de madeira podre, axudando a limpar os bosques; decatámonos de que os ratiños teñen unha vida estresante porque viven acosados por miñatos, serpes e teixugos; que as formigas son un suculento manxar para os petos verdes e que os porcos bravos son como grandes escavadoras que removen a terra contribuindo a que medre e sotobosque.
Non é doado darse conta de que moitos dos nosos actos cotiás afectan de forma irreversible ao equilibrio ecolóxico que existe no noso ecosistema. Para comprendelo mellor, nas nosas saídas aproveitamos para observar os comportamentos das diferentes especies, por iso hoxe andivemos na procura das súas pegadas. E para non os molestar nin asustar nos seus habitats, estamos aprendendo a ser tan silenciosas como as raposas, mesmo aprendemos a signar os seus nomes valéndonos dun contiño.
Comentarios recentes