A situación de emerxencia climática que estamos a vivir, obriga á sociedade a tomar parte para reverter esta situación e mellorar a nosa calidade de vida e as perspectivas de futuro do noso contorno natural máis próximo. Unha das consecuencias máis preocupantes desta alteración dos nosos ecosistemas é a perda da biodiversidade que pode ter consecuencias aínda descoñecidas nun futuro próximo.
Para tomar conciencia desta grave situación precisamos transmitir aos nenos e nenas a necesidade da conservación deste equilibrio entre as especies e os beneficios que aportan na saúde dos nosos ecosistemas.
Con este fin, este entroido que vai do 20 ao 22 de febreiro, propoñemos adaptar a obra “Entroido dos Animais” (“Le carnaval des animaux”) do compositor romántico Camille Saint-Saëns no 1886 na que, en ton de brincadeira e humor, mostra o mundo animal e a súa diversidade acompañado da música de frauta, clarinete, piano…
Proporase aos nenos e nenas preparar unha obra musical en ton lúdico-humorístico na que se vexa a diversidade animal e os seus diferentes modos de vida así como as ameazas ás que se ven sometidos.
Ao longo deste lúdico, prepararán as músicas, o escenario, os disfraces, o guión… para rematar coa presentación da obra final no último día.
Comentarios recentes