ENTROIDO LÚDICO 2025: FESTEXANDO AS RAÍCES

Son días de Entroido
días de ledicia
vaia o noso canto
por toda Galicia.
Por fin chegou un dos lúdicos máis esperados do ano por parte da cativada de Ames. Un lúdico onde se festaxa o Entroido, a celebración de gran tradición popular na nosa terra que conta con trazos tan característicos que lle imprimen unha personalidade de seu. Son coñecidos moitos personaxes do Entroido e estanse recuperando moitas das tradicións que co tempo foron quedando esquecidas. Nesta festividade os costumes reláxanse, os roles invértense e é tempo de rirse de todo. Sen dúbida, o Entroido e a festa máis subversiva do ano, onde se aproveita tamén para facer crítica social de forma divertida e reivindicar o que se considera xusto.
A proposta que se ofrecerá aos nenos e nenas durante estes tres días; será realizar a través do Entroido, un tributo á vida no rural e a aldea (que foi durante séculos a unidade territorial básica en Galicia) Tratarase de reflexionar sobre o valor incalculable que teñen as nosas raíces rurais, de coñecer a importancia da agricultura e da gandeiría galega repensada en termos de sustentabilidade, da conexión que existe entre os ritmos marcados pola propia natureza cos existentes na vida das aldeas, etc.
Propoñerase loitar contra a dispersión social, sementando sentimento de pertenza a unha comunidade, de confraternización. Así, a veciñanza desta aldea imaxinaria que se recreará en cada centro educativo onde se leve a cabo o lúdico, terá que ir superando pequenos retos diarios. O primeiro deles será a elaboración dun Meco con materiais de refugallo. Con esta creación preténdese unha vez máis traballar a importancia do respecto polo medio medio ambiente, para o que terán que botar man das súas ferramentas máis efectivas (a imaxinación e a creatividade) á vez que utilizarán unha metodoloxía nada doada no seu uso: o consenso.
Outra das propostas será a participación dunha xincana onde deberán demostrar as súas dotes nos diferentes oficios realizados de forma tradicional e propoñeranse xogos predeportivos onde os animais teñan un papel protagonista.
Co grupo de primaria animaráselles a crear o seu propio “rap rural” ao estilo de Bewis de la Rosa, que é unha artista multidisciplinar abandeirada do concepto do rap rural, debido a que usa este xénero musical para reivindicar temas relacionados coa vida no campo.
O último día, como non podía ser doutra forma, celebrarase unha festa de despedida do Entroido, onde os nenos e nenas poderán vir disfrazados de labregos e labregas (ou outros oficios relacionados co campo e a aldea como pastor/a), de animais (vacas, galiñas, cans…) Animarase a que improvisen o seu disfraz coas cousas que atopen pola súa casa.
E como remata o seu poema sobre o Entroido o escritor Xosé Neira Vilas:
Vivamos as festas
de noite e de día
que viva o Entroido
que viva a alegría!