Ola de novo, como vos atopades? Nós xenial! Deu comezo unha nova quenda da Escola de verán con todo o que iso conleva: despedirse de compañeiras, dar a benvida a novas amizades e unha morea de xogos novos! Nesta semana fixemos moitas cousas divertidas. A vaca Paca pasou polo cole para deixarnos un contiño que falaba da calma e entre todos buscamos recursos que nos axudasen a tranquilizarnos, fixemos botellas sensoriais con purpurina, un bote con ideas, ioga e xogos de movementos. O mércores visitáronnos unha abella e unha mosca que se sentían moi tristes porque a xente tiña medo delas e sempre lles chamaban pesadas… Ensináronnos moitas curiosidades de diferentes bechiños e que a pesar do noso tamaño ou demais cualidades, debemos sentirnos valiosos porque todos somos importantes! Metémonos nun formigueiro, atravesamos teas de araña e ata un enxame de abellas. O grupo dos maiores, tamén se atreveu a inspeccionar a piscina para ver se era segura para que así os máis pequenos poidamos ir a seguinte semana. E hoxe, o Morcego Colorinchi chegou cun teatro para nós onde o Elefante Elegante, a Rá Ramona, o León Mangallón e o Ratiño Manoliño nos contaban uns problemas que facían que se sentisen mal e, entre todos, intentaban buscarlle solución … Xogamos representando emocións cunhas caretas moi divertidas, bailamos movendo cintas de cores ao ritmo de cancións que nos facían sentir cousas moi diferentes e tamén nos deixaron unha libreta para plasmar con debuxos todo o que sintamos día a día…

Estámolo pasando xenial e aprendendo a coñecernos mellor a nós mesmos e aos demais…

Non sintades envexa e seguide disfrutando con nós de todas estas aventuras tan guais!!

Vémonos prontiño!