Nos primeiros anos da nosa vida todos os estímulos que nos rodean móstranse como ilusionantes: xogamos, divertímonos, creamos, descubrimos… Pero tamén vivimos situacións que nos van marcando conforme imos medrando: no fogar, na escola, coa familia, experiencias que provocaron emocións como temor, sufrimento, soidade, rexeitamento, indecisión…
Todas estas experiencias tanto positivas como negativas van configurando a nosa autopercepción e autoestima. A autoestima é un concepto importante e complicado, sobre todo nas etapas iniciais dos nenos e nenas. Podemos definila como o conxunto de percepcións, pensamentos, sentimentos ou patróns de comportamento dirixidos á propia persoa e que van condicionar a forma na que nos expresamos no noso contorno social.
O estado emocional dos nenos e nenas, dependen en grande medida de que conten cunha autoestima boa e saudable. As súas relacións sociais, desenvolvemento cognitivo e aprendizaxe veranse condicionadas do estado da autoestima dos nenos e nenas. Os nenos e nenas cunha saúde emocional positiva, teñen maior empatía, gozan de máis asertividade, creatividade e a súa capacidade de aprender é máis positiva e significativa.
A través da presente programación, preténdese reforzar e fortalecer a autoestima dos nenos e nenas da Primavera Lúdica a través de estratexias, dinámicas e actividades lúdicas e en grande grupo que supoñan unha oportunidade para afondar no autocoñecemento así como descubrir outras formas de ser e de pensar e respectalas desde a empatía e o respecto.
Para isto, os nenos e nenas adentraranse no mundo do cómic e banda deseñada onde poderán deseñar os personaxes cos que se identifican afondando na súa forma de ver o mundo dunha forma creativa, colaborativa e activa.
Comentarios recentes