Atopámonos no ecuador deste xuño lúdico, no que os máis pequenos e pequenas de primaria continúan a adentrarse no mundo dos deportes.
Tras as labores iniciais de pasar lista, explicar a xornada e un breve quencemento, hoxe tocábannos deportes de pelota. Comezamos con dous circuitos que serviron para traballar a coordinación óculo manual e pedal, así como a propiocepción. No primeiro percorrido, practicamos o bote de balón e a súa precisión, que remataba cun intento de encestar a canastra. Xa no segundo, as nenas e nenos conducían o balón cos pés, tanto co esquerdo como co dereito de diversas maneiras por un circuito, que remataba cun tiro á portería.
Antes da merenda, xogamos ó fútbol chino, unha proposta divertida e inxeniosa que gustou moito á cativada.
Tras recargar forzas e logo dun ratiño de xogo libre, rematamos esta xornada cun beisball pateo e unha partida ó “Pato, pato, cua”, un dos xogos solicitados polos participantes deste xuño lúdico!
Despedimos a xornada cun anaco de tempo libre, no que os nenos e nenas aproveitaron para pintar con rotuladores ou tizas, xogar cos diferentes balóns e mellorar no xogo das cartas.
Comentarios recentes