Iniciamos esta quenda da escola de verán tentando afondar no coñecemento das emocións. Identificar e comprender as nosas emocións é fundamental para manter relacións de calidade coas nosas redes afectivas. Comprender o que sentimos permitiranos tomar decisións e orientar os nosos actos.
Hoxe o grupo dos maiores de Ventín estivemos analizando como se transmiten as emocións a través da arte. Visualizamos diferentes cadros expresionistas e analizamos como este movemento pictórico alemán usaba as cores e as texturas. Para isto cada neno ou nena debuxou libremente o que quixo, pero acto seguido, dunha forma azarosa, asignámoslles diferentes emocións. Moitos dos nenos e nenas tiveron que adaptar os seus debuxos e procurar as cores axeitadas, mesmo experimentar coas texturas, e decatáronse de que non é necesario usar rostros realistas para transmitir medo, alegría, nostalxia ou amor.