Ser socialmente intelixentes axudará a ser intelixentes de forma xeral e inflúe directamente nas relacións cos demais. Polo tanto dotarase aos nenos e nenas de coñecementos e estratexias para que entendan e xestionen as emocións dunha forma óptima ao tempo que aprenden a respectar o estado emocional dos demais nun clima positivo con recursos para afrontar os diferentes conflitos que poidan xurdir.

PRIMEIRA SEMANA DE XULLO:

“AS MIÑAS EMOCIÓNS”

(CONCIENCIA DAS EMOCIÓNS)

Durante a semana do 3 ao 7 de xullo baixo o lema “As miñas emocións” os nenos e nenas adquirirán estratexias que lles axudarán a conectar, expresar e conducir emocións en torno a si mesmos.

Iniciamos a semana presentado e representando as miñas emocións complementado coa actividade “DEBUXAMOS AS EMOCIÓNS”. Propoñemos aos nenos e nenas debuxar expresións faciais das emocións básicas (alegría, tristeza, medo, rabia, sorpresa, vergoña…) e aproveitaremos para falar de que senten cando nos sentimos desa maneira e pensamos como poñemos a cara cando sentimos esas emocións (a postura da boca, dos ollos, se hai ou non bágoas,…). Unha vez feitos os debuxos mostraranse aos compañeiros e compañeiras para ver se identifican as distintas emocións.

Posteriormente continuaremos con dinámicas para tomar conciencia das emocións tales como:

E TI? COMO TE SENTIRÍAS?: Propoñemos distintas situacións e os nenos e nenas deberán dicir como se senten nesa situación ou como se sentirá a persoa que a viva: vas en bici e caes/ non podes ir de excursión porque te pos enfermo/… PODEDES ENGADIR TODAS AS SITUACIÓNS QUE SE VOS OCURRAN

O ESCONDITE DAS EMOCIÓNS : Propoñemos diversas expresións e xogamos a descubrir que emoción se poden esconder detrás: “paseino xenial, nunca esquecerei este día”, “Sinto moito de facerche dano”, “Non vou xogar máis con el”, “Socorro, axuda”..

SEGUNDA SEMANA DE XULLO:

“AS EMOCIÓNS FÁLANME”

(REGULACIÓN DAS EMOCIÓNS)

Durante a semana do 10 ao 14 de xullo pretendemos que as nenas e os nenos recoñezan. as súas emocións sabendo as causas e desta forma prever as reacción que se van a ter dependendo do que senten baixo o título “As emocións fálanme” 

Levaremos a cabo dinámicas para aprender a percibir e regular as nosa emocións, como por exemplo:

O ESPAGUETI: Consiste en tensar e relaxar os principais grupos musculares do nosos corpo mentres se presta atención á sensación que nos produce en cada parte. Así se lles contará que mediante as sensacións de tensión-relaxación e distintas formas de respirar van a poder distinguir as mensaxes do seu corpo.

A MIÑA SILUETA: Preparamos un folio cunha silueta do corpo humano debuxada nel e lapis de cores. Nunha postura adecuada, repasamos o estado de cada parte do corpo dos pes a cabeza como se a nosa atención fose un escáner. Reflexaremos as sensacións negativas no debuxo (dor, tensión, frío, …) e as positivas. Despois nos preguntaremos: como está a miña cabeza/cerebro? (sereno, tenso,…) e o debuxamos. Finalmente preguntarémonos acerca do como está o noso corazón (alegre, triste, alterado, …)

COMO REACCIONA CADA PERSOA: Que fas cando sentes estas emocións? Como reaccionas? Reflexionaremos sobre como unha mesma emoción cada un pode ter reaccións distintas. Neste primeiro bloque non se trata de xulgalas, simplemente de entender que cada persoa reacciona dunha maneira, como por exemplo:

  • Moita alegría: saltar, rir, contalo a outros, etc
  • Tristeza: chorar, contarllo a papá ou mamá, quedarse só, estar pensativo, coller o meu peluche preferido, etc
  • Sorpresa: comunicarllo aos demais, quedarse quieto, saltar, poñer as mans na cabeza, etc.
  • Medo: fuxir, chorar, gritar quedarse inmóbil, etc
  • Rabia: gritar. Insultar, pegar, conterse, ir a un recuncho, só ata que se me pase, contarllo a alguén, etc.

Os nenos e nenas máis pequenos crearán O TEATRIÑO DAS EMOCIÓNS que consiste en crear un pequeno teatro onde representaremos historias inventadas polos nenos e nenas e onde aparecerán diferentes emocións e os máis maiores levarán a cabo o OBRADOIRO DE CINE MUDO, onde a  través da mímica representarán o mundo das emocións creando a súa propia película muda expresando libremente as súas propias experiencias que posteriormente representarán para o resto dos compañeiros e compañeiras.