A época do nadal ofrécenos unha boa ocasión para reflexionar sobre as diferentes representacións desta festividade no noso Planeta. Mediante a presente programación preténdese traballar de forma activa no fomento dunha actitude integradora cara o concepto de interculturalidade no ámbito educativo. A proposta ten por obxecto fomentar o respecto, o coñecemento mutuo e a prevención de actitudes racistas e/ou xenófobas, incluíndo unha perspectiva de xénero.
Neste caso será Marga Polo, unha afamada antropóloga, quen se dirixa ao alumnado a través de telegramas desde os diferentes lugares nos que se encontra. Marga Polo é unha descendente da familia Polo de Venecia.
Marga Polo traerá cada día os relatos de diferentes lugares empapados da cultura e tradicións dese lugar no que se encontra. Despois de visitar os 5 continentes, Marga Polo estableceu amizade con moitas familias e habitantes destes países cos que mantén unha estreita relación epistolar. Marga visitará aos nenos e nenas do programa para compartir os telegramas que recibe de cada un destes continentes. En cada visita presentaralles unha problemática que está a vivir un neno ou nena dun país diferente relacionado cos dereitos da infancia e que, ao tempo que poden ver as diferenzas culturais, mostra sentires comúns e interculturais. Cada un destes relatos invitará ao alumnado a participar de forma activa na resolución desta problemática ou a reflexionar sobre aspectos relacionados con aspectos interculturais.
Comentarios recentes