Ola entroideiros e entroideiras, como estades? Nós estamos de marabilla porque hoxe comezamos o lúdico de entroido. Queredes saber que fixemos? Pois aló imos a contárvolo.
As monitoras trouxeron un dado enoooorme cheo de preguntas que nos serviu para coñecernos, como “cal é o noso xoguete favorito?” ou “cal é a persoa máis guai que coñezo?”.
Unha vez nos coñecemos todas, falamos un pouco do entroido galego e descubrimos que sabíamos un montón de cousas: os peliqueiros de Laza, as pantallas de Xinzo, os boteiros de Viana do Bolo ou os Xenerais do Ulla. Pero decatámonos que no Milladoiro non había ningunha personaxe do Entroido típica do noso pobo e tíñamoslle que poñer unha solución, así que decidimos creala!. Entre todas, despois de dar un montón de ideas e de debuxalas chegamos ó acordo de que se iba a chamar: ” Arco do Milladoiro”. Esta personaxe vai ser xenial, pero ides ter que esperar a mércores para velo.
Logo de merendar, puidemos xogar un pouco no parque e tamén tivemos unha visita inesperada, unhas bruxas amigas das monitoras, escondéronnos polo patio unhas vasoiras máxicas que unha vez que as atopamos xogamos con elas ó “pilla-bruxas”.
Que nos deparará ó día de mañá? Quen nos virá visitar?
… E con isto é un biscoito, ata mañá ás 8!
Comentarios recentes