Ola olaaa!!! Xa estamos de novo por aquí para contarvos as cousas tan chulas que pasaron dende a última vez que vos informamos!!
A máquina do tempo volveu a sorprendernos e tróuxonos a Alicia a Troglodita!! Si si, á mesmísima protagonista do conto, que ademais de deleitarnos coa súa voz e pegarnos a letra do seu hit máis famoso, ensinounos a técnica do puntillismo en pedras e levounos de excursión a un monte da Prehistoria, onde atopamos arcos e frechas, pedras pintadas e ata ósos de mamut! cos que logo xogamos un montón.
Ó día seguinte, o patio converteuse nun escenario do medievo, representamos un conto con cabaleiros e castelos e loitamos con espadas de cores nunha gran batalla campal. E con todo este despliegue, chegou Agosto e trasladámonos ó apasionante mundo das pirámides, as momias e os faraóns de Exipto… Akila a faraona, fixo que nos convertésemos en construtoras de pirámides (con pezas de madeira, cartas e area) en científicas, tinguindo de amarelo a pedra caliza de pequenas pirámides e facendo debuxos con sal de embalsamar momias e en artesáns, elaborando preciosos colares e momias de xoguete.
Os días pasaron e seguimos coñecendo curiosidades deste país. Fixemos carreiras de esfinxes (a catro patas como se fósemos leóns) e axudados do paracaídas, os gatos tiñan que cazar ós escaravellos. Ata tivemos que engraxar os músculos para levantar, bloque a bloque a nosa propia pirámide onde poder refuxiarnos. Pasámolo pipa!!
Por se fose pouco, onte sorprendeunos saíndo da máquina, unha gatiña negra que se chamaba Anubis, que viña dende o mesmísimo Exipto. Díxonos que tiña un amigo galego que se chamaba Gatipedro, e como case non o coñecíamos, contounos un pouquiño sobre el, flipamos coa súa historia de que fai mexar ós nenos e nenas na súa cama mentres dormen. Anubis trouxo moitísimos xogos ós que xoga cos seus amigos os gatos:
– Gatos e ratos: onde os gatos escóndenlle os queixos ós ratos e estes teñen que atopalos e, quen os atope, convértese en gatiño.
– A Maraña: atravesamos unha maraña de lá da que case era imposible saír, ó igual que salvar a uns gatiños e gatiñas que estaban atrapados en fíos, poidemos liberalos!
– O gatipedro, no cal un gatipedro dormía e os nenos e nenas tiñan que ir silenciosos e botarlle sal no chan e se espertaba botábanos auga co seu corno. Mimá, moito corremos!
E, para rematar o día como se merecía, xogamos ó Rato que che pilla o gato!!!! Cómo nos gustou!!
E colorín colorou, este blog rematou!!! Deica outra, familias!
Comentarios recentes