Actualmente consumimos máis recursos e xeramos máis residuos que a biocapacidade de asimilación do planeta, deixando nel a nosa propia pegada ecolóxica. Sabemos a importancia de reducir, reutilizar e reciclar, pero non somos moi conscientes de que todo canto facemos ocasiona un impacto no medio ambiente. Consumir bens ou utilizar servizos de forma responsábel require que teñamos conciencia das nosas decisións e comportamentos, por iso hoxe en Ventín fixemos un simple experimento que consistiu en debuxar a pegada dun dos nosos pés, para despois respondérmonos unha serie de cuestións: como imos á escola?, como nos aseamos?, como celebramos os nosos aniversarios?, cantas veces á semana comemos carne… e lambonadas?, onde adoitamos facer as nosas compras?, etc. Preguntas que tivemos que contestar usando plastilina de tres cores (vermella, laranxa e rosa), unha gradación que simboliza a gravidade do impacto dos nosos actos no medio.
O resultado foi moi ilustrativo: a maior parte das nosas pegadas cubríronse axiña coa cor vermella. A nosa pegada permitiunos reflexionar sobre que pequenas cousas podemos facer para non esgotar tantos recursos nin xerar tantos residuos, como apagar as luces, comprar no barrio, enxaboarnos coa billa fechada, doar xoguetes, non comer lambetadas industriais…
Tamén nos deu tempo a celebrar um concurso de carteis para animar á veciñanza de Ames a manter limpo o noso concello.
Comentarios recentes