A rapazada de Ventín iniciou esta primavera lúdica asistindo á obra de teatro de monicreques “Iriña Bailarina”, baseada no conto de Cristina Justo e Paloma Rodríguez. Da man desta bailarina encerrada na súa caixa de música puidemos reflexionar sobre os estereotipos de xénero que a sociedade nos impón. Con espírito crítico, sen deixar de brincar e a través de diferentes dinámicas, decatámonos da influencia que teñen en nós os contos tradicionais, a publicidade, os xoguetes e a asignación de tarefas. Así creamos os nosos propios contos infinitos e un futbolín con material de refugallo para xogarmos xuntas. Ademais hoxe estivemos refacendo algúns contos tradicionais porque non estamos nada dacordo coas mensaxes que nos trasladan. Así Brancaneves converteuse nunha moza festeira que non pasa o día traballando e que se desfai da bruxa que a persegue valéndose da súa astucia, ou Cincenta que decide rebelarse contra as súas irmás e facerse científica, ou a Sereíña que opta por ficar feliz no mar en vez de sacrificar a súa voz para facerse humana.
Rematando cun conto ao revés
Abr 18, 2022 | Actividades, Ventín | 0 comments
Comentarios recentes