O programa Xuño Lúdico estase a desenvolver durante os días 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de xuño. Ofértanse os servizos de conciliación habituais nos programas do concello, como o Bos Días ou os comedores, co fin de adaptarse ás necesidades de cada familia. Deste xeito, os horarios de entrada dos nenos e nenas poden comezar ás 7:30 ou ás 9:00 horas, cun almorzo opcional para as crianzas máis madrugadoras, mentres que as horas de recollida son as 14:30 ou as 16:00 horas.
Nesta ocasión, o alumnado está aprendendo sobre o solsticio de verán, unha festa recoñecida e celebrada por moitas e diferentes culturas ao longo da historia: a inca, a maia, a xermánica, a celta… Este momento, de fertilidade e alegría, séguese celebrando en moitos lugares na actualidade: as festas de San Xoán en España, as festas do solsticio da tradición e folclore suecos, as celebracións con lenda e fantasía nos territorios de Reino Unido e Irlanda…
Así, o Xuño Lúdico pretende empregar o solsticio para crear un momento de introspección e celebración nos nenos e nenas participantes, e marcar o momento de peche do curso e de comezo das vacacións, así como de dar cabida a novas experiencias e emocións.
O programa busca marcar un punto e aparte no ritmo diario para que a cativada volva a gozar das persoas que os/as rodean, observar os cambios do seu contorno e fortalecer o seu corpo e mente para poder enfrontarse ás experiencias vindeiras.
A iniciativa lévase a cabo mediante diferentes expresións: tradición, natureza e música e danza. Así, descóbrenselle aos rapaces e rapazas as tradicións propias e foráneas buscando o seu significado cultural; obsérvanse os cambios da natureza despois dos meses fríos; e gózase da música como forma de expresión do estado anímico.
Fonte: https://concellodeames.gal
Comentarios recentes