SETEMBRO LÚDICO 2024: MARUXA E BERENGUELA, AS AVENTUREIRAS!!

En xaneiro de 2016, a ONU pon en marcha os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) que marcan un obxectivo global de cara ao ano 2030 para conseguir un mundo máis respectuoso, inclusivo e sostible. Estas metas requiren dun grande esforzo de todos os países para lograr obxectivos tan importantes como: eliminar a pobreza, combater as desigualdades, abordar o cambio climático, protexer o noso océano e animais e garantir que ninguén quede atrás.

A educación, tanto no seu ámbito formal como informal non pode quedar allea ao obxectivo global, polo que neste lúdico a temática centrarase en coñecer diferentes aspectos dos ODS a través dunha viaxe por distintos países do mundo. Cada día, exploraremos un novo país e descubriremos como están a traballar para acadar estes obxectivos. Desde iniciativas de conservación en África, pasando por programas de recuperación de sementes en Asia e esforzos de igualdade de xénero en América Latina, aprenderemos sobre as diversas formas en que as comunidades están a contribuír a un futuro mellor. Tamén diariamente se propoñerán actividades sobre curiosidades do país.

Ademais, incentivarase aos nenos e nenas de Ames a participar en diferentes actividades e xogos que lles axudará a comprender mellor os desafíos e as solucións que se están a implementar en todo o mundo. Será unha oportunidade única para abrir as mentes, ampliar os horizontes e inspirarnos a ser axentes de cambio nas nosas propias comunidades.

Para esta nova aventura, acompañaranos novas personaxes inventadas. Neste caso coñeceremos a historia de Maruxa, unha nena galega de 10 anos que adora viaxar polo mundo coa súa mascota Berenguela. Maruxa sempre leva a súa mochila máxica, que ten a capacidade de levar todo o que necesita para as súas aventuras, desde libros ata ferramentas do máis estranas para facer diferentes tipos de manualidades. Maruxa é curiosa, valente e sempre está disposta a aprender cousas novas. Encántalle facer amizades en cada país que visita e compartir as súas experiencias. Nesta ocasión está desexosa de compartilas cos nenos e nenas participantes do Setembro ludíco.

Comezamos??

ACTIVIDADES DESTACADAS

A GRAN MURALLA VERDE

A MARGARIDA DA IGUALDADE

OBRADOIRO DE KOINOBORI

SEMENTES E BIODIVERSIDADE