ESCOLA DE VERÁN 2024: ODISEA TEMPORAL

A imaxinación en liberdade transforma ao mundo e bota a voar as cousas” (Octavio Paz)

O ser humano sempre tivo unha curiosidade insaciable polas fronteiras do coñecemento e as posibilidades que se atopan máis aló do noso alcance inmediato; sentindo así unha atracción especial polas cousas que lle resulta difícil de conseguir ou incluso o que se imaxina como un imposible. Ter a capacidade de voar, ver a través de paredes, ter o don da teriantropía, etc; son “superpoderes” que moitas persoas manifestan desexar ter.

Durante a historia, a posibilidade de viaxar a través do tempo, é unha das ideas máis sedutoras e enigmáticas que a mente humana pode imaxinar; de feito é un dos temas que máis interesa tanto a autores, autoras e amantes da ciencia ficción, como incluso aos científicos e científicas que investigan activamente as posibilidades reais de levalas a cabo.

A proposta para a Escola de Verán deste ano 2024, é convidar aos nenos e nenas a que deixen voar a súa creatividade e imaxinación para mergullarse nunha aventura única; onde poderán explorar diferentes épocas históricas (e así coñecer diferentes culturas, costumes e formas de vida) e imaxinar, por que non? Tamén como será o futuro.

Así, baseándonos no xogo de rol “Contratempos” de David Díaz; os nenos e nenas da Escola de Verán viaxarán por diferentes épocas, pero trataremos de contextualizar no Concello de Ames todo o que vaia sucedendo. Por iso, comezará a presentación da temática a través desta pequena trama: “Unha das monitoras cando estaba facendo a ruta de Riamonte, escoitou nun muíño un ruído estrano. Decidiu mirar dende unha fiestra e atopou dentro a unha señora maior vestida de forma moi xovial e co pelo cheo de lápis, papeis, e que estaba fedellando nun artiluxio moi estrano. A señora escoitábaselle dicir, por fin, por fin o conseguín!! E de súpeto a monitora puido ver como desaparecía 10 segundos e volvía aparecer ataviada con roupa do antigo oeste. A monitora non o podía crer!! Que estaba a pasar? Emitiu un chillido e a señora maior decatouse da súa presenza. Aínda que ao primeiro intentou ocultarse, logo comezaron a falar…”

Pouco a pouco, a través deste pequena introdución, os nenos e nenas descubrirán que a señora estaba argallando unha máquina do tempo e será a partir de aquí, cando comecen a vivir todas as aventuras.

Seguindo este fío argumental, a primeira quincena da Escola de verán estará tematizada na época dos celtas. 

Estades preparados para indagar e divertirse?? Pois a poñer o maxín a funcionar!!

PRIMEIRA QUINCENA DE XULLO: ECOS CELTAS, RESOANDO A TRAVÉS DO TEMPO.

Durante a primeira quincena de Xullo os nenos e nenas da Escola de Verán realizarán unha viaxe ao pasado para coñecer sobre a cultura celta, tan presente nas nosas tradicións. A través desta viaxe, non só terán a oportunidade para mergullarse nun pasado fascinante, senón que lles axudará a fomentar unha maior apreciación polo legado cultural que nos rodea.

Os celtas eran coñecidos pola súa conexión coa terra, os ciclos da natureza e a súa espiritualidade profunda. Así, a través dunha metodoloxía lúdica e participativa intentarase descubrir diferentes aspectos sobre a mitoloxía, as tradicións, a arte, a súa organización, ao mesmo tempo que se desenvolven habilidades prácticas e de traballo en equipo.

Tratarase de que a través desta quincena os nenos e nenas descubran as súas propias raíces e as influencias que a cultura celta tivo en moitas partes do mundo.

Algunhas das actividades que se levarán a cabo, será a recreación dun castro con material de refugallo, ou a realización dun pequeno circuíto no que se fale dunha das actividades agrarias máis importante dos celtas: a tranformación dos cereais. Coa a actividade o “roteiro dos Druídas” realizarase un xogo de pistas onde descubrirán diferentes tipos de plantas medicinais; reflexionarase sobre os diferentes roles que había na época dos celtas a través dunha dinámica de igualdade e un longo etc. Haberá ademais actividades de ioga infantil, contacontos, xogo predeportivos… e rematarase coa festa final celebrando a LITHA, a celebración celta que conmemora o verán.

ACTIVIDADES DESTACADAS

ROTEIRO DOS DRUÍDAS

RECREACIÓN DUN CASTRO

DANZA DAS HACHAS

NA PROCURA DO AMULETO CELTA